COMPOSTA

Súmate e xera vida cos teus residuos orgánicos

Únete á compostaxe

O xeito intelixente de xestionar os residuos orgánicos

Sabías que soamente no último ano no Rosal compostáronse máis de 160 toneladas de materia orgánica?

Compostar supón contribuír á economía circular da propia natureza. É someter a materia orgánica dos restos que se producen na cociña, no xardín e no campo a un proceso de transformación natural ata convertilo nun abono de gran calidade: o compost. Por cada 100 quilos de materia orgánica obtéñense dez quilos de compost peneirado.

O seu beneficio ambiental e económico é indiscutible, por iso no Rosal apostamos pola compostaxe como modelo de xestión global dos nosos residuos.

QUERES COÑECER OS BENEFICIOS?

Reducimos a nosa pegada ecolóxica.

Melloramos a nosa reciclaxe.

Aforramos no tratamento.

Aforramos na recollida de lixo.

Obtemos fertilizante natural.

Redúcense as incineracións e o uso de vertedoiros.

Vivas onde vivas, sexa no rural ou no centro urbano, composta e únete ao cambio!

QUE PODEMOS COMPOSTAR?

Para conseguir un compost de calidade hai que ter en conta que non vale calquera tipo de residuo orgánico. Bótalle un ollo ao que se pode e non se pode compostar.

Se vives nunha casa con espazo para colocar un pequeno composteiro individual esta é a opción perfecta para ti. Un xeito sinxelo e rápido para comezar a reciclar os restos orgánicos que xeras cada día.

Soamente tes que inscribirte e recibirás o teu composteiro individual. O mestre composteiro ofrecerache toda a información e o asesoramento técnico que precises e en pouco tempo estarás recollendo o teu primeiro compost.

Levarase a cabo un programa de visitas que garanta a resolución de dúbidas e o bo funcionamento dos composteiros, aínda que tamén podes facer as túas consultas directamente a través da web.

Un procedemento moi sinxelo, cómodo, ecolóxico e de balde. E tranquilo, non estás só: xa hai máis de 400 composteiros individuais instalados por todo O Rosal.

Como montar un composteiro individual
Como manter o noso compost no estado óptimo?
  • Abrir o composteiro e observar se hai algunha incidencia.
  • Cada 15 días debemos remexer o interior de composteiro co aireador.
  • O manexo de aireador é moi sinxelo. Hai que subilo e baixalos para mesturar todas as capas dos restos que hai no composteiro.
  • O ideal é que o compost manteña a forma da man e que non estea mollado.
  • Se o noso composteiro está moi húmido debemos introducir máis material seco.
  • Se estivese moi seco debemos engadir un pouco de auga.
Como compostar?
  • Separar os restos orgánicos para depositar no composteiro. Podes botar restos de limpar verduras, restos que nos sobran no prato, restos de froita e cítricos, carnes, peixes, froitos secos, infusións e borras de café, restos de mariscos, pan e papel branco.
  • Abre a tapa do teu composteiro e baleira o teu caldeiro no interior.
  • Logo tapa os restos con material seco, poden ser follas secas, herba seca, palla e madeira triturada. Lembramos que no Concello prestamos trituradoras para a veciñanza que o desexe.
  • Remexe o interior do composteiro co aireador para facilitar que o aporte que acabamos de facer se mesture co estrutúrante.
  • Tapa os restos sen deixar espazo para as mosquiñas.
Como extraer o compost?
  • Debemos ter en conta o terreo no que está situado o composteiro. Se está afundido debemos retirar a herba ou terra que o rodee para abrir a porta sen dificultade.
  • En primeiro lugar abrimos a porta de abaixo do composteiro, xa que está o compost máis antigo.
  • Retiramos o compost de abaixo, mentres que o material da parte superior mantémolo dentro do composteiro.
  • Unha vez finalizada a extracción pechamos a porta e comezamos de novo co proceso de creación de compost.
  • Volvemos remexer o interior do composteiro. Se está húmido debemos engadir estrutúrante.

Se vives no centro urbano do concello e na túa vivenda é inviable instalar un composteiro individual convidámoste tamén a unirte ao cambio. No Rosal contamos xa cun centro de compostaxe comunitaria de seis unidades modulares que ten capacidade para xestionar entre unhas 14 e 20 toneladas ao ano.

Xa temos en marcha de dous novos centros de compostaxe comunitaria que, usando criterios de eficiencia ambiental e económica, están situados no centro urbano do concello, dando cobertura aos edificios dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba.

Compostar nos centros de compostaxe comunitarios é cómodo, limpo e de balde. Só tes que inscribirte e seguir catro sinxelos pasos: separar ben na casa os biorresiduos, depositalos no módulo do centro de compostaxe comunitaria, cubrilos co estruturante que atoparás no caixón anexo e pechar a tapa.

Anímaste?

Queres compost?

O compost é un fertilizante natural para a terra que se obtén da degradación de restos de comida e vexetais misturados con materiais leñosos e secos que funcionan como estruturante. É un proceso aeróbico e térmico que se realiza nos composteiros individuais, colectivos e nas plantas de compostaxe.

Este compost é un abono de gran calidade, xa que ten incontables propiedades químicas, físicas e biolóxicas beneficiosas: dende reducir a erosión do chan e incrementar a capacidade de retención de humidade para os cultivos ata aumentar os macro e micronutrintes, inhibir o crecemento de fungos ou incrementar a eficiencia da fertilización.

Se queres compost do que producimos nos centros de compostaxe comunitaria só tes que encher o seguinte formulario.

Sabías que o 10% do lixo domiciliario nos concellos rurais son restos vexetais? No Rosal xéranse unhas 230 toneladas ao ano deste tipo de restos. Non queremos que rematen co lixo normal ou que sexan queimados. Por iso dispoñemos dun servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas de tamaño compacto coas que poderás triturar os teus propios restos vexetais de xeito cómodo e de balde.

Tan sinxelo como inscribirte, elixir día e hora de recollida e pasar polo Concello a por ela.

Que se pode triturar?

SI NON
Restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras, viña, árbores ornamentais, restos de xardinería… Restos verdes non leñosos: herba, restos de flores, follas, plantas arrincadas, cepellóns… Restos de madeiras procedentes de mobles Materiais duros tales como ferros, pedras…

Que se pode facer co material triturado?

Se tes un composteiro individual, enhoraboa! O restos leñosos triturados son un estruturante ideal para empregar no composteiro. Lembra deixar que sequen e poderás empregalos para tapar e regular o exceso de humidade da materia orgánica depositada no composteiro. Ademais, tamén podes empregar este triturado para decorar no xardín, protexer as raíces das prantas mediante a técnica de acolchado ou “mulching”, etc. As posibilidades son enormes!

Titorial sobre o uso da biotrituradora manual