26 Ago O ROSAL REPARTIU MÁIS DE 400 COMPOSTEIROS ENTRE A VECIÑANZA
O Concello lembra ás persoas interesadas que poden solicitar un través da web municipal e que soamente quedan 100
Grande acollida por parte da veciñanza dos composteiros individuais (COINs) repartidos polo Concello. Máis de 400 veciños e veciñas xa recolleron un dentro desta acción posta en marcha ao abeiro da estratexia municipal para potenciar a compostaxe individual nas vivendas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020.
O ritmo de entrega das persoas encargadas é de 10 composteiros diarios. Destaca a implantación da compostaxe na parroquia das Eiras e de Tabagón. No inicio do programa As Eiras triplicou a súa participación nesta práctica, pasando de ser a zona con menos implantación cun 18% de COINs a ser a máis involucrada e ter case un 59%. Tamén o fixo Tabagón pasando dun 16 % a un 51,22 %. O Concello irá percorrendo as parroquias para repartir os composteiros restantes nos vindeiros meses, aínda que calquera persoa interesada pode solicitar o seu a través da web municipal de Medio Ambiente e acudir ao Concello a recollelo. Soamente quedan 100.
A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, destaca que no Concello están “moi contentos coa acollida da xente, que xa se traduce nun aumento moi significativo do número de casas que xa dispoñen do seu propio composteiro. O noso obxectivo é percorrer pouco a pouco todas as parroquias e conseguir a maior porcentaxe de implantación posible”.