Xornada de reciclaxe hoxe para os nenos e nenas do campamento de verán do Rosal. Esta mañá recibiron a visita da concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, e o mestre composteiro do Concello para aprender e traballar coa reciclaxe. Os pequenos e pequenas mostraron “o ben ensinados que están”, destaca a concelleira, e separaron todos os residuos que había mesturados en caixas para bótalos nos colectores correspondentes. Os plásticos ao amarelo, a roupa e o calzado ao colector da roupa, o vidro ao verde, medicamentos ao punto SIGRE da farmacia, e outros residuos como lámpadas, tellas, cristal, ou plástico duro, ao punto limpo.

Sara Vicente quedou “impresionada” pola labor dos nenos e nenas, e está “segura” que axudarán a ensinar a reciclar e reutilizar as súas familias e amizades. “Un futuro sostible é posible coas súas actitudes”, concluíu.

Esta xornada forma parte das campañas de sensibilización ambiental asociadas ao proxecto para habilitar un espazo municipal para o intercambio, reparación e reutilización de obxectos. Este proxecto está cofinanciado  polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020.

OS NENOS E NENAS DO CAMPAMENTO DE VERÁN DO ROSAL ENSINAN A RECICLAR